viernes, 3 de julio de 2009

A casa grande do bachao

Retomando os restaurantes galegos, e de paso facendo unha reivindicación polo uso da lingua do noso país, paso a deixar constancia dunha preciosa casa de aldea convertida en casa de turismo rural que consta tamén dun restaurante para uso público e para celebracións. En calquera dos casos resulta imprescindible a reserva.
Podedes atopar máis información sobre a casa en http://www.pazosdegalicia.com/bachao/
A casa atópase a escasos 15 km de Santiago, pola estrada que vai a Santa Comba (saír por Vistaalegre e polo Romaño) Circularemos uns 9 km desde Santiago e tomaremos unha desviación á dereita no comezo da baixada a Portomouros. Despois está perfectamente indicada, a 4,5 km da estrada principal. Son dúas casas solitarias dentro dunha enorme finca que está poboada de eucaliptos (lástima) e a zona das casas ten un precioso xardín, piscina, fonte propia e ata baixada directa ao Tambre.

Imos ao principal, a comida. Non dispón de carta, pero nos prepararon varias opcións para que puidesemos escoller. De primeiro había polbo á feira, zamburiñas ao forno e salteado de lagostinos e cabaciñas. Como eramos cinco decidimos que nos servisen unha de cada, e as tres estaban moi boas, e ademais moi abundantes. Gustáronme especialmente as zamburiñas feitas na súa cuncha, coma vieiras.
De segundo podiamos escoller entre merluza á galega, peixa sapo á prancha con patacas e pementos e solomillo de porco. Eu tomei o rape (peixe sapo) que viña á prancha e cun golpe de forno, e resultou un prato moi bo. O resto dos comensais decidíronse tamén pola merluza, cunhas fermosas toras, e polo solomillo. Ninguén tivo queixa, todo o contrario. En canto ao postre tomei un pastel de pan, que estaba aceptable pero sin alardes, aínda que co cheo que estaba tampouco o podería ter apreciado demasiado.
Dispoñen dunha pequena carta de viños, pero con referencias interesantes.
O mellor é que teñen un cuarto con xoguetes para os nenos, e outro cunha barra de bar e billar, que para outra vez pode ser unha boa opción para continuar.
A rapaza que nos serviu foi moi atenta, e nos ensinou todas as instalacións, coas que quedamos encantados.

No hay comentarios: